Fútbol sala

O Superti Fútbol Sala A Pontenova nace hai uns cantos anos a nivel de afeccionados ó contar co apoio desinteresado dun empresario local. Inicialmente, comeza xogando na Liga Provincial sen obter moi bos resultados pero, desde a tempada 2004/2005, a filosofía do club cambia radicalmente e inténtase lograr obxectivos maiores que aos poucos se van conseguindo.

Primeiro ascéndese á Liga Autonómica, fíchase un adestrador de prestixio recoñecido (ex-xogador de División de Honra), tráese a xogadores de categorías Nacionais, créase un equipo filial que participa na Liga Provincial, etc.

Todo este traballo da directiva, e como non, co continuo apoio do patrocinador inicial, que leva ligado ao club desde a súa fundación (SUPERMERCADOS SUPERTI) e a outras firmas comerciais que tamén achegan o seu gran de area, fan que o futuro do "Club Rececende Fútbol sala" se aviste como esperanzador e, cando menos, ilusionante para todos os afeccionados que quincenalmente se achegan ao Pavillón Municipal da Pontenova para animar ao seu equipo.

Na tempada 2004 / 2005 non se alcanzaron os obxectivos previstos pois o equipo quedou clasificado en décima posición.

Na 2005 / 2006, fichouse como adestrador-xogador a Walter, coa clara intención de mellorar substancialmente a posición da anterior tempada. O persoal sofre un notable cambio ao incorporar 10 caras novas e renunciar ao equipo da Liga provincial, xa que os custos que xeraba non eran fáciles de soportar. Finalízase nesta tempada en cuarta posición.

Novamente, na tempada 2006/2007 prodúcese un cambio de adestrador e fíchase a 5 xogadores novos, con experiencia en división de honra e prata, coa intención de dar un salto cualitativo no persoal e lograr o ascenso a categoría nacional.

Hai que destacar tamén a creación un equipo de xuvenís, que compite na Liga Autonómica, e que se despraza por toda a comunidade galega.

O equipo sénior queda 2º e xoga a promoción de ascenso a Liga Nacional B contra o "Coinasa Ourense". A pesar de perder esta eliminatoria, conséguese o tan ansiado ascenso grazas á renuncia á praza do 1º clasificado da Autonómica Sur, o "Piju Ourense".

No 2007/2008 comézase unha nova andaina en categoría nacional coa permanencia como obxectivo fundamental. Debido a que moitos dos xogadores xuvenís deben competir noutras categorías, créase un equipo de categoría cadete.

A tempada 2008/2009 arrinca coa fichaxe dun novo adestrador, José Ramón Rodríguez, máis coñecido como "Josiño", e a incorporación de novos xogadores coa meta de lograr o mellor resultado posible nesta nova campaña.

Deixa unha resposta