Fútbol
Servizos Municipais
Sporting Pontenova é o referente deportivo por excelencia dentro do Concello da Pontenova. Fundouse en 1979, e nesa primeira tempada militou no Grupo Norte da Segunda Rexional.
O primeiro partido deste equipo disputouse o 23 de Setembro dese mesmo ano, contra o C.D. Santaballés. O "Campo da Mina" inaugurouse o 7 de Outubro da mesma campaña, durante as "Festas de San Lucas", coa disputa da cuarta xornada do campionato entre o Sporting Pontenova e o Argeriz; coa victoria do equipo local por 2-1.
O Campo de Fútbol Municipal da "Mina" ten unhas dimensións de 95 metros de longo por 55 de ancho, e conta cun par de tribunas, cada unha nunha banda á altura do círculo central.
O Sporting Pontenova ascendeu a Primeira Rexional no ano 1982 e militou nesta ata o descenso a Segunda Rexional da tempada 93/94. Nas 2 campañas seguintes o equipo ascendeu a Primeira Rexional de novo e máis tarde a Rexional Preferente.
Tras varios anos na categoría, e na segunda fase de ascenso que disputaba o equipo, conseguiuse o ascenso a Terceira División na tempada 99/00. Nunca tan alto chegara o Sporting. Con todo, logo dun ano nesta categoría e dos dous seguintes en Rexional Preferente, o equipo disolveuse ao finalizar o campionato 02-03.
Na tempada 04/05, a sociedade volveu estruturarse grazas de novo á colaboración dos habitantes da Pontenova, e contou cun total de 253 socios. Volvíase a empezar, pero cunha nova filosofía, tratar de crear un equipo con xente da Pontenova e os seus arredores.
E conseguiuse, xa que, ademais do equipo sénior, por primeira vez na historia, o Sporting Pontenova conta cun equipo de xuvenís, tamén formado por xente do pobo e de localidades veciñas. Na tempada 05/06 creouse un equipo de cadetes, co obxectivo de formar a xogadores de menor idade.
Os principais patrocinadores son "Industrial Recense" e "Superti Autoservicio", sen cuxo apoio non se podería manter esta actividade de suma importancia para A Pontenova.
Nesta nova etapa do Sporting Pontenova respectáronse as cores orixinais do club, o negro e o amarelo. O equipo sénior viste unha camiseta de bandas negras e amarelas, con pantalón negro e medias amarelas. O equipo xuvenil viste camiseta amarela cunha banda negra nas mangas, pantalón negro e medias amarelas. Conta tamén cun equipamento suplente, que consta de camiseta branca, con bandas negras e vermellas nos ombreiros, e con iguais cores que o primeiro equipamento para os pantalóns e as medias.
O Sporting Pontenova sénior competiu na tempada 04/05 en Terceira Rexional, cando quedou clasificado en segundo posto e logrou o ascenso a Segunda Rexional, categoría na que militara con anterioridade. O mérito deste equipo é maior se cabe por dous motivos: a maioría dos xogadores debutaban en fútbol campo, e a media de idade non supera os 25 anos. Logo de varios ascensos e descensos entre Terceira e Segunda Rexional, na tempada 2008/2009, o equipo sénior participa na liga correspondente á categoría Terceira Rexional.
En canto ao Sporting Pontenova xuvenil, a progresión que experimentou co paso das tempadas foi enorme e actualmente (2008/2009) atópase entre os equipos máis destacados da liga Primeira Autonómica Rexional Xuvenil.