Neste momento estás a ver POSTA EN VALOR DA SENDA PEONIL “ANTIGA RUTA DO TREN MINEIRO” MEDIANTE COLOCACIÓN DE VALADO DE SEGURIDADE NO CONCELLO DA PONTENOVA. FASE II

POSTA EN VALOR DA SENDA PEONIL “ANTIGA RUTA DO TREN MINEIRO” MEDIANTE COLOCACIÓN DE VALADO DE SEGURIDADE NO CONCELLO DA PONTENOVA. FASE II

Este proxecto está subvencionado ao abeiro da Resolución do director xeral da Agader pola que se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme á estratexia de desenvolvemento local participativo) a medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2023 e 2024, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (DOG núm. 246, de 27 de decembro).

O antigo tren mineiro de Vilaoudriz a Ribadeo posuía vía métrica. O seu inicio localizábase en Vilaoudriz (hoxe denominada A Pontenova), xunto ás minas de ferro existentes, e concluía no cargadoiro de mineral existente ao pé de Ribadeo, logo dun recorrido de 33.867 metros, dos que un 62% correspondía a aliñacións rectas e o 38% restante a trazado en curva. O desnivel salvado polo ferrocarril era duns 40 metros, xa que as estacións de Vilaoudriz e Ribadeo se atopaban nas cotas 80 e 40 respectivamente.

O trazado do ferrocarril seguía o curso do río Eo, arrancando na súa marxe dereita e rematando na marxe esquerda da Ría de Ribadeo (desembocadura do río Eo), cruzándoo por medio dunha ponte metálica. O radio mínimo das curvas era de 100 metros e a pendente máxima da liña era de 8,76 milímetros por metro alcanzada nun tramo de 1.353,48 metros situado entre Vilaoudriz e San Tirso (á entrada da estación de Ribadeo existía un tramo curto de 123,5 metros onde a pendente chegaba ata as 13 milésimas).

A situación actual do trazado primitivo fai que existan varios tramos imposibles de recuperar debido a que foron «engulidos» por novas infraestruturas, como por exemplo a N-640, e outros que son de difícil recuperación ao non existir conexión simple cos anteriores ou posteriores. No caso concreto da Pontenova, a maior parte do percorrido é totalmente transitable, xa que se atopa relativamente acondicionado e cun pavimento en bo estado.

As actuacións recollidas neste proxecto están encamiñadas a garantir a seguridade na mencionada senda peonil naqueles puntos nos que existe un maior risco para as persoas, ben sexa camiñantes, ciclistas ou calquera outro vehículo.

Os riscos identificados corresponden coa posición desta ruta moi próxima ao río Eo, nunha zona con numerosas pendentes que foron solucionadas para o paso da antiga vía con paredes de pedra dunha altura significativa, que ata o día de hoxe se atopan sen protección.

Coa finalidade de evitar posibles accidentes, especialmente nas áreas recreativas (que se identifican nos planos anexos a esta memoria) nas que acoden nenos e familias, así como nun dos cruces máis significativos da ruta que acaba cruzando o río Eo realizáronse as actuacións previstas de colocación de valado de seguridade.

Para levar a cabo a actuación principal, a colocación do valado de seguridade, fíxose previamente unha limpeza das beiras do sendeiro naqueles tramos afectados.
Para iso, levouse a cabo un desbroce con medios manuais mediante desbrozador e motoserra eliminando a maleza e o arboredo ou ramas que afectaban á colocación do valado no sendeiro. Estes traballos serviron, por un lado, para preparar o terreo para a implantación do valado e, por outro, provocaron unha mellora na sección da senda ao retirar e limpar maleza, favorecendo así as condicións de tránsito para todos os usuarios.

Para a colocación do valado, optouse pola madeira rústica, similar á xa existente noutros tramos, anclada ao firme mediante esperas metálicas para garantir a súa suxeición e evitar a súa caída.
A actuación estase executando naqueles tramos nos que se considerou necesario por tratarse de zonas potencialmente perigosas, ben polo estado do firme, pola escasa marxe de paso simultáneo de peóns e vehículos, ben pola existencia de desniveis pronunciados.